24/7/09

Reciclaxe 2008 na Revista Retal



Para os que non viñestes o ano pasado ao Reciclaxe e queirades saber un pouco mellor como foi, hoxe reproducimos o texto do artigo publicado na Revista Retal en outubro de 2008:


Reciclaxe 2008
por Ramón Domínguez
Sábado 6 de setembro
La Casa de Arriba / Club Vademecwm
(Zona Churruca, Vigo)

Reciclaxe xorde como idea hai dous anos en Tui da man de Andrea da Silva e un grupo de amigos que se xuntaron na sala Partycular para vender “a roupa que xa nos lles cabía nos armarios”. Logo do éxito acadado, decidimos trasladarnos este ano a Vigo para facer o mesmo en dous dos locais máis emblemáticos da noite viguesa: La Casa de Arriba (Martín Códax, 23) e o club Vademecwm (Iglesias Esponda, 30). Tras varias reunións, chamadas telefónicas e abusando un chisco de todos os contactos posibles, fixemos que a parte máis alta do barrio vigués de Churruca se convertese por un día (sábado 6 de setembro) nun mercadiño que demos en chamar Reciclaxe 2008.

Tomando como lema algo así como “o que non me serve a min pode servirlle a outros”, a idea de “reciclar” estivo sempre moi presente durante toda a xornada: desde o concepto mesmo de vender a roupa ou os obxectos que xa non nos valen en vez de deixalos ocupando caixóns ou tiralos ao lixo, ata a iniciativa por parte dos vendedores de utilizar bolsas usadas para envolver os artigos vendidos. Mesmo o xeito de publicitar Reciclaxe 2008 foi bastante ecolóxico xa que, ao non dispoñer de ningún tipo de presuposto para imprimir carteis (imprimíronse uns poucos para os locais e algún lugar puntual da cidade), a promoción fíxose a través do boca a boca e das redes sociais que ofrece de balde internet: fotolog (http://www.fotolog.com/reciclaxe08), myspace (http://www.myspace.com/reciclaxe) ou facebook. Porén, o que nun principio estaba pensado como un modesto mercadiño de roupa de segunda man, acabou convertido en todo un escaparate de camisetas, zapatos, bolsos e vestidos vintage no que, ademais, contamos coas creacións de novos deseñadores (entre outros, Les Cocons, Saladitas, Can Can Corbatas ou Alberto Neves, que trouxo as súas coleccións da tenda LolaB), roupa de tendas alternativas da cidade (como Weast Peak ou La Churrería), complementos, fanzines, discos e mesmo lámpadas e obxectos para o fogar. Todo amenizado pola música de varios dj’s (entre eles, Deivi, Moderna de mierda, Donbel ou os membros do colectivo vigués A lo hecho techo) que se ofreceron a poñer a banda sonora do que foi, en definitiva, unha festa que durou case todo o día. Como nota cultural, Reciclaxe 2008 tamén serviu de galería de arte onde se podían admirar (e tamén mercar) obras de artistas emerxentes como Tamara de la Fuente, Andrea G. e Noemí Díaz (fotografía) ou Iván R. e María Longa (ilustración), que decoraban unha boa parte das paredes dos locais. Ademais, os que se achegaron a Reciclaxe 2008, puideron gozar desde o mediodía de pinchos e tapas a prezos populares nun posto situado no espazo ao aire libre que hai entre os dous locais: tortilla de patacas, empanadas, ensaladas e mesmo bocatas de Nutella formaron o menú do Reciclaxe 2008 para todos aqueles que quixeron probalo. Como nota de cor, dende as 2 ata as 4 da tarde tivo lugar unha sesión vermú na que, ademais dos martinis, as cañas e os pinchos, a xente puido pasar unhas horas ben agradables bailando a ritmo de guateque e mesmo cantando nunha improvisada sesión de karaoke. O feito de escoller La Casa de Arriba e o Vademecwm para o Reciclaxe 2008 non foi aleatorio; buscabamos un sitio onde nos sentísemos cómodos (somos clientes de ambos) e onde nos deixasen facer o que queríamos sen necesidade de pedir permisos ao Concello ou ás autoridades pertinenentes. Nalgún momento se nos pasou pola cabeza “institucionalizar” o asunto para poder facelo nun local máis grande e mellor acondicionado, ou mesmo na rúa, pero enseguida a desbotamos porque cremos que facer Reciclaxe deste xeito perdería todo o que ten de encantador e de alternativo. Ademais, tratábase tamén de facerlle ver á xente que o día tamén pode ser divertido, convertindo unha das zonas de marcha nocturna da cidade nun centro que visitar entre as 12 da mañá e as 10 da noite, onde tamén se pode tomar algo, comer e mesmo bailar, ademais de mercar ou, simplemente, ver o que hai. A intención última non era só gañar cartos vendendo, senón tamén reunirse, pasalo ben e, sobre todo, ofrecer unha experiencia nova e, polo que se viu, moi positiva, dado o número de asistentes que pasaron durante todo o día por Reciclaxe 2008 e as boas críticas que recibimos. Se pensamos repetir? Seguro que si. Como dixo alguén ao saír: “para cando outro pequeno Candem Town no máis alto de Churruca?”. Pronto, moi pronto.


Ramón Domínguez é co-organizador, xunto con Andrea González, do Reciclaxe 2008 //Fotografías de Tamara de la Fuente

23/7/09

Expón no Reciclaxe 2009


Reciclaxe 2009 convoca a todos os artistas que queiran expoñer (con ou sen opción de venda) a súa obra durante o día da feira a que se poñan en contacto con nós a través do blog ou do noso enderezo electrónico prensa.reciclaxe@gmail.com. O tema poñémolo nós: a reciclaxe; a visión que fagades dela é totalmente persoal.
As fotos que subimos hoxe formaron parte de dúas das exposicións que tivemos no Reciclaxe 2008: a de Tamara de la Fuente e a de Andrea G.
Animádevos a participar!

22/7/09

Monta o teu propio posto no Reciclaxe 2009


Se queres ter o teu propio posto de roupa, discos, cómics ou o que ti queiras no Reciclaxe 2009, non dubides en poñerte en contacto con nós a través do enderezo electrónico prensa.reciclaxe@gmail.com. É totalmente de balde, así que escríbenos e comentarémosche as condicións. Date présa se non queres quedar fóra

21/7/09

Comezamos


Xa estamos empezando a organizar o Reciclaxe 2009 e, con tal motivo, inauguramos este blog onde poderedes estar ao tanto de todo o que vaiamos preparando. Porque este ano, Reciclaxe 2009 vén cargado de novidades e sorpresas. Ata o de agora só podemos adiantarvos que será o día 5 de setembro nos mesmos locais que o ano pasado: La Casa de Arriba (Martín Códax, 23) e o Club Vademecum (Iglesias Esponda, 30)

Mercadillo de roupa -outlet, segunda man e novos deseñadores-, cómics, cd's, exposicións, dj's, sesión vermú, pinchos e tapas a prezos populares... Se queredes ver todo o que pasou no Reciclaxe 2008, ademais do vídeo que nos fixo Alberto Baamonde, aquí tedes unas cantas fotos de Tamara de la Fuente