7/9/09

Moitísimas grazas a todos!


Unha vez máis, Reciclaxe foi un éxito. A organización de Reciclaxe 2009 estamos encantados e esperamos que vós, tanto os que participastes, como os que nos visitastes, como os locais onde se realizou, tamén o esteades.

Hai cen mil anécdotas que contar, pero hoxe aínda estamos coa resaca e non saberíamos por onde empezar.
Acabamos de subir algunha foto aquí pero, por favor, se tedes máis, enviádenolas a reciclaxe@yahoo.es ou a prensa.reciclaxe@gmail.com, e irémolas subindo á nosa conta de flickr.

Tamén nos gustaría que nos enviásedes ideas ou suxestións para próximas edicións de Reciclaxe. Que se podería mellorar? Onde debería ser? Que máis cousas se poderían facer? Todas, tanto os parabéns como as críticas, serán ben recibidas.

Moitas grazas, de verdade!
Repetimos?

4/9/09

Reciclaxe 2009. Programación

reciclaxe mapa


Programación RURALITA:
A partir das 12:00 h., Obradoiro de reciclaxe para nenos

Programación El Monstruo de un Solo Ojo
11:00 - 13:00 h. Fran Fatal Dj
13:00 - 15:00 h. Galis 115
19:00 - 21:00 h. Tu Mini Dj’s
21:00 - 23:00 h. Flor Non Blondes
A partir das 0:00 h., festa Reciclaxe con Linamorganfreeman Dj’s

Programación SOHO:
11:00 - 12:45 h. Toto
12:45 - 14:45 h. R Confusion & Pablo López
14:45 - 15:00 h. Vídeo (proxección do colectivo Pixel in fact)
15:00 - 16:30 h. Samu
16:30 - 17:45 h. Dawboy (live!)
17:45 - 18:00 h. Vídeo (proxección do colectivo Pixel in fact)
18:00 - 19:45 h. Fran Rodríguez
19:45 - 21:15 h. Víctor Álvarez
21:15 - 21:30 h. Vídeo (proxección do colectivo Pixel in fact)
21:30 - 23:00 h. Álex
A partir das 0:00 h., festa Reciclaxe con Onurb Zaq

Programación LOLITA
17:00 - 19:00 h. Indiebear & Dolce
19:00 - 21:00 h. Galis 115
21:00 - 23:00 h. Lagartija & DPorto aka Dogpunk
A partir das 0:00 h., festa Reciclaxe con Dj’s residentes

Programación LA CASA DE ARRIBA
13:00 - 17:00 h. Cóctel / Sesión Vermú
17:00 - 19:00 h. Donbel
19:00 - 21:00 h. Almagato
21:00 - 23:00 h. Deivi
A partir das 0:00 h., festa Reciclaxe con Zarpaelamor Dilleis

Programación VADEMECUM
11:00 - 13:00 h. Meteoro
13:00 - 15:00 h. Rober (Le Suite)
15:00 - 17:00 h. Alberto (Ningunos)
17:00 - 19:00 h. Fernando (Ningunos)
19:00 - 21:00 h. Simon Dolce
21:00 - 23:00 h. Fran & Anxo (live!)
A partir das 0:00 h., festa Reciclaxe con Dj’s residentes

(os horarios dos dj’s están suxeitos a posibles cambios de última hora)

3/9/09

Obradoiro de Reciclaxe para nenos


Reciclaxe 2009 está preparando un Obradoiro de Reciclaxe para os máis pequenos que terá lugar no Ruralita a partir das 12:00 h. e, para levalo a cabo, precisamos toda axuda posible: a todos os que teñades pensado achegarvos ao Reciclaxe pola mañá, e, sobre todo, aos que vaiades traer nenos e nenas ao obradoiro, pedímosvos que traiades todas esas cousas que, normalmente se tiran ao lixo, pero que ese día nos poden servir para facer xoguetes e disfraces: os cartóns do papel hixiénico e de cociña, as caixas dos cereais e das galletas, botellas de auga, latas de refrescos, envases de plástico, caixas de ovos, bolsas e todo o que se vos ocorra que pode valer.

Contamos con vós!

Entrevista en TeleVigo


Bravo, Andrea!
(E grazas, Iván.)

E o sábado, ás 10:45, no último Extrarradio, o mellor programa da Radio Galega. Que vai ser de nós sen el?

2/9/09

Reciclaxe 2009, esta noite en TeleVigo



Esta noite, parte da organización de Reciclaxe estará en directo a partir das 10 da noite no magazine El Plató de TeleVigo, presentado e dirixido por Raquel Galavís.

Desexádenos sorte!

1/9/09

Xa non queda nada!


Agora si podemos dicir que xa está todo preparado para o sábado. Tivemos algún problema co enderezo electrónico, pero penso que xa está solucionado. De todos os xeitos, pregámosvos que, a partir de ahora, utilicedes o enderezo de yahoo: reciclaxe@yahoo.es.
Só faltan por confirmar algúns postos, así que, se esquecimos mandar algún mail, por favor, facédenolo saber.
Tamén quedan horas libres para pinchar; se alguén quere apuntarse, que nos escriba canto antes.

Moitas grazas!

31/8/09

Reciclaxe 2009. Mapa dos locais



Aquí podes descargar o mapa co percorrido do Reciclaxe 2009. Todos os locais están no barrio de Churruca e son os seguintes:

El Monstruo de un solo ojo: Cervantes 18
Soho: Churruca 13
Lolita: Irmandiños 3
La Casa de Arriba: Martín Códax 23
Club Vademecum: Iglesias Esponda 30

30/8/09

Reciclaxe 2009. Nota de prensa

reciclaxe 09, nota de prensa


Pregamos deades a máxima difusión posible á nota de prensa do Reciclaxe 2009. Premendo sobre ela ou aquí podedes descargala en alta calidade para imprimila ou distribuíla. Nesta outra ligazón podedes descargar tamén o cartel para subir ao voso blog, facebook ou, aínda mellor, imprimir e pegar onde mellor vos pareza.

Grazas a todos pola vosa colaboración

29/8/09

Falta unha semana

Reciclaxe Cartel_def


A falta dalgún pequeno detalle, xa está todo máis ou menos preparado para o evento máis importante do ano en Churruca. Os postos están cubertos, a comida encargada, as expos organizadas, os carteis impresos, as notas de prensa enviadas, a xente con moitas ganas... O único que nos faltan, debido ao gran número de horas e de locais a cubrir, son dj's; así que, se a alguén lle apetece pinchar un par de horiñas nalgún dos locais que quedan por encher, que nolo faga saber escribindo a prensa.reciclaxe@gmail.com.


Vémonos nunha semaniña no Reciclaxe 2009

28/8/09

Xogar a reciclar e xogar e reciclar



Unha das novidades máis interesantes coas que conta Reciclaxe 2009 é que, a partir das 12 da mañá, terá lugar no Ruralita un Obradoiro de Reciclaxe para nenos e nenas ao que podedes traer aos máis pequenos da casa e no que aprenderán, a modo de xogo, a facer cousas con materiais reciclados.

Seguro que lles gusta!

26/8/09

Reciclaxe na Dot



Os rapaces da Dot sacaron unha reportaxe do Reciclaxe no número deste mes e nós estámoslles agradecidísimos. Se queredes velo, á parte de facer click aquí ou sobre a imaxe para ampliar, só tedes que buscar a revista nun dos preto de 1000 puntos de distribución que hai en toda Galicia


Moitísimas grazas!

23/8/09

Moitas grazas por unha festa tan estupenda















A organización de Reciclaxe 2009 quere dar as grazas a todos os asistentes á festa presentación do pasado venres, ao Vademecum e a La Casa de Arriba por deixarnos os seus estupendos locais e, moi especialmente, aos músicos que nos regalaron esas versionazas, eses bailes e esas risas: Alejandro, Deivi, Edu, Estefa, Héctor, Melo, Quique, Rafa, Sara e demais espontáneos: sodes os mellores!

19/8/09

Axúdanos a promover Reciclaxe 2009


Se queres axudarnos a difundir e promover tanto o Reciclaxe 2009 como a Festa de presentación, nas seguintes ligazóns podes descargar os carteis en alta calidade para subir á túa web ou para imprimir e pegar onde queiras.

Por outra banda, lembrade que este venres 21, ás 20:00 horas, (xusto antes da festa) faremos unha reunión con todos os participantes
na Casa de Arriba (Martín Códax, 23 - Vigo). Pregamos asistencia.

Grazas polo voso interese e pola axuda!

18/8/09

Festa presentación Reciclaxe 2009


Reciclaxe 2009 convídavos a todos á festa presentación que terá lugar o vindeiro venres 21 ás 23:00 horas no Club Vademecum e na que algúns dos mellores músicos do panorama galego actual tocarán versións de cancións coñecidas por todos.

Logo, a festa continuará
na Casa de Arriba cunha pinchada a cargo dos Zarpaelamor dilleis.
Debido ao pouco tempo que temos para promocionar a festa, pregamos lle deades a máxima difusión.

Se o desexades,
aquí podedes apuntarvos tamén ao evento do facebook

Vémonos o venres!

16/8/09

Pechado o prazo de solicitude de postos para o Reciclaxe 2009


Pechamos os micros, que dirían por aí, e comunicámosvos que todos os que solicitastes posto ata a data de hoxe para o Reciclaxe 2009 estades aceptados. Penso que xa vos contestamos por mail pero, se alguén se nos escapou, por favor, que nolo faga saber.

Por outra banda, o venres 21 ás 20:00 horas faremos unha reunión en La Casa de Arriba (Martín Códax, 23 - Vigo) e pregamos a vosa asistencia (os que non poidan vir que nolo fagan saber tamén). Alí falaremos da ubicación que lle corresponde a cada un, do que podedes e debedes traer, das normas a cumprir e de todo o que vaia xurdindo no momento.

Ese mesmo venres, ás 23:00 horas, terá lugar no Vademecum (Iglesias Esponda, 30 - Vigo) unha festa presentación do Reciclaxe 2009 da que xa iremos dando novas ao longo desta semana; adiantamos que tocarán en directo membros dalgunhas das principais bandas galegas e que, logo, ao redor da 1 da mañá, a festa continuará en
La Casa de Arriba cunha pinchada a cargo dos Zarpaelamor dilleis.

Estades todos convidados!

14/8/09

Queres pinchar no Reciclaxe 2009?



Se queres ser un dos dj's do Reciclaxe 2009, só tes que enviarnos un mail a prensa.reciclaxe@gmail.com coa túa solicitude, indicando o estilo de música que vas pinchar para propoñerche o horario e ubicarte nun dos locais.

Grazas de antemán!

11/8/09

Últimos días para pedir un posto


Este domingo 16 remata o prazo de presentación de solicitudes de posto para o Reciclaxe 2009. Como xa comentamos onte, estamos intentando pillar un par de locais máis por Churruca para acoller a todos os que nolo pedistes, pero nalgún momento temos que parar. Así que xa o sabedes, enviádenos un correo electrónico a prensa.reciclaxe@gmail.com e contestarémosvos coas condicións. Lembrámosvos que é totalmente de balde.

10/8/09

Reciclaxe queda pequeno


Debido á grande demanda de postos para o Reciclaxe 2009, estamos pensando en ampliar o número de locais. Aínda non temos nada confirmado, pero o máis seguro é que este ano Reciclaxe 2009 se celebre nalgún local máis de Churruca, á parte dos xa confirmados La Casa de Arriba e o Club Vademecum. Aos que nos enviastes mail coa vosa solicutude, moitas grazas e que saibades que estamos facendo o posible por acollervos a todos. Por favor, permanecede atentos ao blog para estar informados.

5/8/09

Cartel Reciclaxe 2009

(podedes facer click sobre a imaxe para velo máis grande)

Este ano encargámoslle o deseño do cartel do Reciclaxe 2009 ao deseñador de Sabarís David Sierra, e este que vedes arriba foi o resultado. Nós estamos encantados! E a vós, gústavos?

Moitas grazas, Deivi!

4/8/09

Comer no Reciclaxe


Un dos principais atractivos do Reciclaxe é o seu posto de comida, sobre todo á hora do vermú e do xantar, onde podedes pedirvos uns pinchos de tortilla ou empanada e acompañalos por unha cervexa por moi poucos cartos. Este posto permanece aberto durante todo o día e, pola tarde, convértese no mellor sitio para merendar uns exquisitos bocatas ou unhas rebandas de pan con Nutella. Porque todo o mundo sabe que ir de compras levanta o apetito...

24/7/09

Reciclaxe 2008 na Revista Retal



Para os que non viñestes o ano pasado ao Reciclaxe e queirades saber un pouco mellor como foi, hoxe reproducimos o texto do artigo publicado na Revista Retal en outubro de 2008:


Reciclaxe 2008
por Ramón Domínguez
Sábado 6 de setembro
La Casa de Arriba / Club Vademecwm
(Zona Churruca, Vigo)

Reciclaxe xorde como idea hai dous anos en Tui da man de Andrea da Silva e un grupo de amigos que se xuntaron na sala Partycular para vender “a roupa que xa nos lles cabía nos armarios”. Logo do éxito acadado, decidimos trasladarnos este ano a Vigo para facer o mesmo en dous dos locais máis emblemáticos da noite viguesa: La Casa de Arriba (Martín Códax, 23) e o club Vademecwm (Iglesias Esponda, 30). Tras varias reunións, chamadas telefónicas e abusando un chisco de todos os contactos posibles, fixemos que a parte máis alta do barrio vigués de Churruca se convertese por un día (sábado 6 de setembro) nun mercadiño que demos en chamar Reciclaxe 2008.

Tomando como lema algo así como “o que non me serve a min pode servirlle a outros”, a idea de “reciclar” estivo sempre moi presente durante toda a xornada: desde o concepto mesmo de vender a roupa ou os obxectos que xa non nos valen en vez de deixalos ocupando caixóns ou tiralos ao lixo, ata a iniciativa por parte dos vendedores de utilizar bolsas usadas para envolver os artigos vendidos. Mesmo o xeito de publicitar Reciclaxe 2008 foi bastante ecolóxico xa que, ao non dispoñer de ningún tipo de presuposto para imprimir carteis (imprimíronse uns poucos para os locais e algún lugar puntual da cidade), a promoción fíxose a través do boca a boca e das redes sociais que ofrece de balde internet: fotolog (http://www.fotolog.com/reciclaxe08), myspace (http://www.myspace.com/reciclaxe) ou facebook. Porén, o que nun principio estaba pensado como un modesto mercadiño de roupa de segunda man, acabou convertido en todo un escaparate de camisetas, zapatos, bolsos e vestidos vintage no que, ademais, contamos coas creacións de novos deseñadores (entre outros, Les Cocons, Saladitas, Can Can Corbatas ou Alberto Neves, que trouxo as súas coleccións da tenda LolaB), roupa de tendas alternativas da cidade (como Weast Peak ou La Churrería), complementos, fanzines, discos e mesmo lámpadas e obxectos para o fogar. Todo amenizado pola música de varios dj’s (entre eles, Deivi, Moderna de mierda, Donbel ou os membros do colectivo vigués A lo hecho techo) que se ofreceron a poñer a banda sonora do que foi, en definitiva, unha festa que durou case todo o día. Como nota cultural, Reciclaxe 2008 tamén serviu de galería de arte onde se podían admirar (e tamén mercar) obras de artistas emerxentes como Tamara de la Fuente, Andrea G. e Noemí Díaz (fotografía) ou Iván R. e María Longa (ilustración), que decoraban unha boa parte das paredes dos locais. Ademais, os que se achegaron a Reciclaxe 2008, puideron gozar desde o mediodía de pinchos e tapas a prezos populares nun posto situado no espazo ao aire libre que hai entre os dous locais: tortilla de patacas, empanadas, ensaladas e mesmo bocatas de Nutella formaron o menú do Reciclaxe 2008 para todos aqueles que quixeron probalo. Como nota de cor, dende as 2 ata as 4 da tarde tivo lugar unha sesión vermú na que, ademais dos martinis, as cañas e os pinchos, a xente puido pasar unhas horas ben agradables bailando a ritmo de guateque e mesmo cantando nunha improvisada sesión de karaoke. O feito de escoller La Casa de Arriba e o Vademecwm para o Reciclaxe 2008 non foi aleatorio; buscabamos un sitio onde nos sentísemos cómodos (somos clientes de ambos) e onde nos deixasen facer o que queríamos sen necesidade de pedir permisos ao Concello ou ás autoridades pertinenentes. Nalgún momento se nos pasou pola cabeza “institucionalizar” o asunto para poder facelo nun local máis grande e mellor acondicionado, ou mesmo na rúa, pero enseguida a desbotamos porque cremos que facer Reciclaxe deste xeito perdería todo o que ten de encantador e de alternativo. Ademais, tratábase tamén de facerlle ver á xente que o día tamén pode ser divertido, convertindo unha das zonas de marcha nocturna da cidade nun centro que visitar entre as 12 da mañá e as 10 da noite, onde tamén se pode tomar algo, comer e mesmo bailar, ademais de mercar ou, simplemente, ver o que hai. A intención última non era só gañar cartos vendendo, senón tamén reunirse, pasalo ben e, sobre todo, ofrecer unha experiencia nova e, polo que se viu, moi positiva, dado o número de asistentes que pasaron durante todo o día por Reciclaxe 2008 e as boas críticas que recibimos. Se pensamos repetir? Seguro que si. Como dixo alguén ao saír: “para cando outro pequeno Candem Town no máis alto de Churruca?”. Pronto, moi pronto.


Ramón Domínguez é co-organizador, xunto con Andrea González, do Reciclaxe 2008 //Fotografías de Tamara de la Fuente

23/7/09

Expón no Reciclaxe 2009


Reciclaxe 2009 convoca a todos os artistas que queiran expoñer (con ou sen opción de venda) a súa obra durante o día da feira a que se poñan en contacto con nós a través do blog ou do noso enderezo electrónico prensa.reciclaxe@gmail.com. O tema poñémolo nós: a reciclaxe; a visión que fagades dela é totalmente persoal.
As fotos que subimos hoxe formaron parte de dúas das exposicións que tivemos no Reciclaxe 2008: a de Tamara de la Fuente e a de Andrea G.
Animádevos a participar!

22/7/09

Monta o teu propio posto no Reciclaxe 2009


Se queres ter o teu propio posto de roupa, discos, cómics ou o que ti queiras no Reciclaxe 2009, non dubides en poñerte en contacto con nós a través do enderezo electrónico prensa.reciclaxe@gmail.com. É totalmente de balde, así que escríbenos e comentarémosche as condicións. Date présa se non queres quedar fóra

21/7/09

Comezamos


Xa estamos empezando a organizar o Reciclaxe 2009 e, con tal motivo, inauguramos este blog onde poderedes estar ao tanto de todo o que vaiamos preparando. Porque este ano, Reciclaxe 2009 vén cargado de novidades e sorpresas. Ata o de agora só podemos adiantarvos que será o día 5 de setembro nos mesmos locais que o ano pasado: La Casa de Arriba (Martín Códax, 23) e o Club Vademecum (Iglesias Esponda, 30)

Mercadillo de roupa -outlet, segunda man e novos deseñadores-, cómics, cd's, exposicións, dj's, sesión vermú, pinchos e tapas a prezos populares... Se queredes ver todo o que pasou no Reciclaxe 2008, ademais do vídeo que nos fixo Alberto Baamonde, aquí tedes unas cantas fotos de Tamara de la Fuente